Mans Posted noviembre 24, 2014 by Implicadas

0

Comunicado conxunto de Implicadas no Desenvolvemento, People’s Development Initiatives e as mulleres de Támil Nadu coas que traballan ambas organizacións

O 25 de novembro marca o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Escoitaremos neste día cifras e datos sobre as atrocidades que todas as sociedades, no Norte e no Sur, cometen contra as mulleres a diario. Lembraremos que a vida nunca é pacífica para as mulleres en ningún lugar do mundo. Lembrarásenos que as mulleres somos sometidas a violencias mesmo antes de nacer e moito tempo despois. Todas estas cousas aparecerán presentadas nos medios como se fosen casualidade ou fado. Mais nosoutras rexeitamos tal enfoque.

Porque hoxe efectivamente estamos aquí para reivindicar que son precisamente as institucións (os medios de comunicación, os gobernos, o cinema, a literatura, a televisión, as ideas de amor e familia coas que crecemos) as que crean estas situacións nas cales as mulleres de todo o mundo somos obxecto de violencias diversas ao longo das nosas vidas. As nosas sociedades toleran estas situacións e apoian os homes que matan e maltratan para que continúen con estes comportamentos mediante a impunidade e a ratificación de papeis de xénero ríxidos que nos fan pensar que as mulleres teñen que facer certas cousas e ser de certas maneiras e os homes facer e ser doutras; que aquilo do que as mulleres fomos responsables tradicionalmente non ten valor e que os nosos corpos e traballo están ao seu servizo. Que os poden coller, usar e desbotar á súa vontade.

Contra a man que mata, bate e as mans que permiten que isto aconteza, nós unimos as nosas hoxe e cada día. Tamén estamos aquí hoxe xuntas, cada unha de nós nas nosas comunidades, para lembrarlle ao mundo que unha vez que o 25 de novembro torne 26 as atrocidades continuarán, mesmo se os medios non se fan eco, mais tamén o noso traballo diario. Hoxe collemos forzas de todas as mulleres e algúns homes que en todos os recunchos do mundo nos reunimos para berrar contra a violencia e sobre todo para traballar contra ela, nos nosos fogares, nas nosas rúas, nos nosos lugares de traballo, no mundo, para conseguir sociedades que non toleren que a metade da súa cidadanía reciba malleiras de forma sistemática, sexa obxecto de violación, asasinato, dependencia económica, responsabilización da honra, das crianzas, da comida e da familia.

As nosas mans únense para apoiarnos as unhas ás outras, as nosas mans únense contra as violencias diarias, as nosas mans únense para chamar por novas mans que traballen con nós, que reflexionen, que cambien. Hoxe reivindicamos xuntas, mañá o traballo continúa, esperemos que con máis mulleres e homes a traballar neste sentido cada día.

Implicadas no Desenvolvemento apoia todas as convocatorias das organizacións feministas para o 25 de novembro en Galicia e tamén as accións das nosas compañeiras de Támil Nadu. En Tiruchy as mulleres do programa de Empoderamento de Mulleres organizan hoxe unha manifestación e debate coa xuíza do Distrito Poornima para tratar os puntos fortes e febles do marco legal referido á violencia de xénero. No noso programa de Erradicación do infanticidio feminino en Salem hoxe as compañeiras organizan unha cadea humana contra o feticidio (os abortos selectivos de fetos femininos) no bloque de Omallur para denunciar que un dos hospitais revela o sexo do feto e promove o feticidio (mesmo se está prohibido por lei). A cadea humana integrada por mulleres dos grupos de axuda mutua do programa, mocidade e outras persoas que as apoian rodeará o devandito hospital. Distribuiranse durante toda a semana seguinte adhesivos polos hospitais e clínicas co lema «Basta de violencia contra as mulleres» para continuar esta acción.

.

Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies