0

Hai quen busca delimitar o seu país con fronteiras coma valados. Hai quen busca delimitalo por poderes ou por historias compartidas. Mais hai quen busca facer país ao redor de proxectos que sexan capaces de partir da reflexión crítica e de aglutinar cada vez un maior número de persoas ao redor dunha serie de alicerces comúns. Neste último sentido traballa Implicadas no Desenvolvemento. Nos últimos 16 anos iso é precisamente o que busca a nosa organización: construír un país.

O noso país defínese en termos claros: a lingua como base ética e de xustiza social aquí e noutros lugares, os feminismos como filosofía crítica irrenunciable e a idea de que o noso benestar está vinculado ao das outras. Mentres que a maioría das organizacións de cooperación ao desenvolvemento parten da caridade, da toma de decisións burocrática e centralizada lonxe das persoas e dun imaxinario colonial e patriarcal, en Implicadas tomamos un camiño ben diferente. En tempos en que se nos di que os nosos problemas son os únicos urxentes e importantes, a nosa perspectiva axuda a comprender que nós só temos sentido coas outras, que as políticas que agora se nos aplican aquí xa foron aplicadas nos países do sur durante décadas e que cómpre unha perspectiva de tecer conxuntamente para cambiar a pobreza, entendida como falta de dereitos, aquí e noutros lugares. Pois un país faise afundindo as mans na terra, pero sen esquecer o ceo.
Dende esa base levamos 16 anos traballando dunha maneira tanxible e incansable. Dende esa base tentamos facer entender que é fundamental para nós, como galegas e galegos, poñernos xa non á par, senón detrás das mulleres do sur e dos seus traballos interminables. Cómpre que sexan elas quen lideren, quen formulen, quen poñan en dúbida quen somos porque, moi ao contrario do que se nos di, a maior opresión produce tamén a visión máis ampla das explotacións. Como mulleres e homes occidentais cúmprenos deixar de vernos como salvadoras e vernos máis ben como mans que deben remexer a terra na que fomos criadas. Nesa terra escoitamos a miúdo, mesmo cando ás mulleres galegas se nos vai obrigar a parir por vía legal, que son outras as sociedades “machistas”. Nesa terra na que nos criamos case ninguén se para a reflexionar por un intre sobre as conexións que existen entre os fundamentalismos e a retórica colonial. Nesa terra ensinóusenos con frecuencia que cómpre mirar para outro lado cando as nosas empresas explotan a mulleres e crianzas coa escusa de que precisamos empresas ou un certo tipo de emprego. Cómpre remexer a terra para que dela saian outras condicións de vida, aquí e noutros lugares.

Implicadas leva remexendo a terra 16 anos, traendo compañeiras do sur a formarnos, falarnos e cambiarnos a mirada. Por iso tentamos aprender e difundir as súas estratexias e metodoloxías de traballo fronte a políticas mercantilistas que poñen o lucro por enriba das persoas e fronte unha mentalidade colonial que segue vendo as outras como bárbaras ou submisas, nunca como principais motores do cambio. Por iso traballamos a través da cultura, aquí e noutros lugares, como forma primordial de ter voz crítica e de crear un espazo onde as outras poidan falar. A cultura e a lingua son para nós ferramentas irrenunciables no traballo de cambiar a nosa posición, por iso tamén o teatro, o cinema, a música, a fotografía, a danza, a ilustración ou as artes plásticas son para Implicadas dende a súa formación espazos vizosos dende os que construír ese país de noso.
Todo este traballo deu de si a creación dun país propio, dun espazo de participación e de solidariedade feminista polifónico que arremuiñou ata o momento unhas 300.000 persoas no Sur da India e en Etiopía e a miles tamén en Galicia grazas ao traballo incesante e diario das activistas que integran a nosa organización. Porén, os proxectos comúns e o país que queremos precisan alento, agora máis ca nunca, e resulta aínda entristecedor que un traballo coma o noso só reciba o apoio permanente, no económico e no estratéxico, de 190 socias e socios. Para unha organización que mobilizou en 2013 o 97% do seu orzamento de forma autónoma, ese apoio é indispensable para poder seguir sachando na terra cada día e remexernos. Aí todas somos poucas. Hoxe 25 de xullo celebramos o país que queremos e polo que traballamos e tamén convidamos a que cada día máis persoas formen parte del. É tan sinxelo como ter mans e ter vontade.

.

Leave a Comment

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies